ECOS DE FAMILIA

O Colexio Don Bosco vence as adversidades dando un ton de normalidade ás actividades que se desenvolveron ao longo do curso no colexio.

Comezou este curso 2020-2021 con incertidume. Houbo xente que cría que non tardarían moito en confinarnos outra vez ao volver os nenos e nenas ao colexio. Mais dende o primeiro momento o colexio desenvolveu unha serie de actuacións encamiñadas a que a nosa convivencia fose cordial e segura.

Nada máis chegar atopámonos cunha serie de indicacións protocolarias que entalaron cada unha das acción cotiáns do alumnado, profesorado e demais colectivos do centro. Dende as entradas e saídas escalonadas ata os circuítos marcados para que ninguén se cruzase e así poder manter as distancias de seguridade, quedaba por ver como poderíamos levar adiante as distintas actividades que lle dan vida e marcan o carisma desta nosa casa salesiana.

Un dos primeiros desafíos foi o Samaín e o Nadal. Tiñamos por diante unha organización distinta. Os parámetros fundamentais das nosas festas e a seguridade tiñan que ir da man. Non hai máis que dicir que o enxeño foi o factor que axudou a que todas as nosas ilusións festivas se realizasen dun xeito distinto, pero non distante (por moito que tivesemos que recorrer ao medios dixitais en liña….). Aprendimos máis sobre cuestión etnográficas que tiñan que ver coa nosa festa dos defuntos e gozamos das actuacións, esta volta gravadas, das compañeiras e compañeiros que fixeron as nosas delicias nun festival de Nadal baixo bo recaudo para evitar males maiores.

Que ninguén pense que facer de xeito diferente estes días provocou unha baixada na intensidade dos mesmos. Moi pola contra, a complicación inicial provocou unha solidariedade colectiva que serviu para aprendermos todos que ante as dificultades hai que tirar da forza e ilusión colectiva. A nós funcionounos…

Á volta de vacacións xa estábamos pensando na festividade de Don Bosco, xunto a de María Auxiliadora, a máis importante do curso. O equipo encargado demostrou ter unha capacidade enorme para volver dar brillo á figura do noso fundador que, con limitacións e precaucións, non deixou de ser o Santo da Alegría que tan ben describiu o Papa Francisco.

No entroido houbo amago de disfraces e ningún doce por mor do protocolo COVID, pero impregnamos o cole da alegría de Don Carnal en espera dunha Coresma que foi moi ben descrita e divulgada nos Bos Días que o Equipo de Pastoral nos facilitou a todos. Non podemos esquecer que, nun momento de extrema precaución, na procura de alternativas que manteñan o lume prendido, as persoas encargadas do noso Radio Bosco fixeron as delicias de todos creando contidos e programas para apoiar moi atinadamente todas as nosas actuacións.

A Semana do Libro e a homenaxe a Xela Arias foi máis audiovisual. Emanaron nestes días vídeos nos que participaron alumnos, profesores… achegamos información sobre esta nosa autora viguesa que serviu para reivindicala moi xustamente por todos os méritos acadados.

E xa rematando o curso que dicir da presenza de Maín e María Auxiliadora. “A ti confíochas”, foi a encomenda persoal e espiritual que a Nai de todos lle fixo á fundadora das salesianas. Con esa premisa seguimos adiante, facendo un mundo mellor, sen encollernos ante as adversidades e mesmo procurando sacar o mellor de nós mesmos para demostrar que o espírito salesiano, carismático e evanxelizador, dá vía a que moitos mozos e mozas poidan formarse, facerse persoas cun punto importante de alegría que os farán mellores no futuro.

Demostrado queda. As Fillas de María Auxiliadora, en calquera dos proxectos nos que se imbúan, están e estarán sempre presentes.

 

(Pincha na seguinte imaxe para ver a presentación)