O pasado día 9 de febreiro celebrouse o Día de Internet Segura, “Safer Internet Day” (SID). O devandito evento, promovido polo apoio da Comisión Europea, lévase adiante para promover cambios positivos e concienciar acerca da seguridade en Internet, promovendo un correcto uso das actuais tecnoloxías dixitais, especialmente entre os máis novos.
Baixo o lema: “Un Internet mellor comeza contigo: máis conectados, máis seguros”, o SID diríxese non só a nenos e mozos, senón tamén a pais/titores, profesores, e educadores, animándoos a participar de forma activa na creación dun Internet mellor.
Desde o colexio Plurilingüe Don Bosco Salesianas queremos sumarnos á celebración deste día e por iso redactamos un artigo para axudar a que o alumnado circule con seguridade por internet.
Hoxe en día vivimos nunha sociedade na que o coñecemento e o uso das competencias tecnolóxicas forman parte dunha condición indispensable para conseguir desenvolverse con fluidez e eficacia nun mundo informatizado. Por isto, existen moitos beneficios educativos á hora de utilizar dispositivos tecnolóxicos con nenos, porén, o uso destes en idades temperás require dun control, xa que non dispón da suficiente madurez para establecer un número de horas límite ou que tipo de contidos poden visitar na rede.
Desta maneira, xorde a idea do control parental, unha ferramenta que lle permite os pais controlar e/ou limitar o contido ao que os seus fillos poden acceder en internet desde os seus dispositivos, xa sexan ordenadores, móbiles ou tabletas.
Para que serve o control parental?
Existen diferentes ferramentas de control parental, pero todas elas están enfocadas a:
- Limitar o tempo de uso: evitar usar unha aplicación máis do debido para evitar adiccións.
- Facer un seguimento da actividade en Internet:obter información sobre as webs que visitan, a súa comunicación en diferentes redes ou foros…
- Evitar o contacto con persoas descoñecidas ou potencialmente perigosas: reducir posibles problemas de grooming, ciberacoso, sexting…
- Reducir que visiten lugares web inapropiados para a súa idade: sitios de carácter sexual, violentos ou que fomenten hábitos racistas/xenófobos.
- Ofrecerlle aos menores un entorno seguro co que poder iniciarse nas novas tecnoloxías baixo a tranquilidade dos pais e nais
Cando debemos usalo?
O control parental é especialmente útil en nenos e nenas que se atopan por debaixo dos 10-12 anos, xa que a esa idade non ten desenvolvida a denominada “autonomía tecnolóxica”.
Cando os nosos fillos e fillas son pequenos, podemos simplemente centrarnos en limitar o tempo de conexión e controlar a onde acceden para evitar contidos inapropiados. Para levalo a cabo, podemos recorrer ao control parental tecnolóxico (sobre todo alode filtros, navegadores e buscadores especiais). Así, conseguiremos crear un bo hábito sobre a onde, cando, canto tempo se conectan e que ven cando o fan.
Cando os nenos e nenas gañan en autonomía tecnolóxica, ademais do tempo e dos contidos, hai que ter coidado cos enganos e co contido sexual, violento ou prexudicial para a súa saúde física ou psíquica. Podemos seguir recorrendo á tecnoloxía (programas de software, configuración no router e aplicacións en dispositivos móbiles) para limitar o seu uso, pero sería conveniente engadir un entorno de confianza para poder falar con seguridade cos nosos fillos.
Durante a adolescencia, os filtros son menos eficaces xa que estas ferramentas de navegadores infantís e as alternativas de software e apps asócianse máis a “estádesme controlando” que a un uso axeitado do dispositivo. Por iso, o control parental debe ser moito máis humano e acompañarse, en todo caso, de límites tecnolóxicos cando a personalidade ou actividade da persoa o precise.
Que tipos de controis parentais existen?
Hoxe en día existen numerosas ferramentas que nos proporcionan a posibilidade dunha navegación segura por Internet, adaptándose a diferentes situacións, así como a cada familia e necesidade. As ferramentas máis frecuentes para efectuar un control parental son as seguintes:
- Routers e servidores DNS. Cando varias persoas usan diferentes dispositivos para conectarse a Internet, o router é a mellor opción para administrar as restricións de navegación en liña. Os pais poden controlar e filtrar o contido ao que se accede desde todos os dispositivos conectados, determinar o límite de tempo de conexión e aplicar filtros web para evitar que os nenos visiten sitios web inapropiados.
- O propio dispositivo electrónico. Actualmente, a maioría dos dispositivos inclúen un “paquete” de control parental. Nas tabletas ou teléfonos intelixentes, pódese ir a “Axustes” e cambiar os aspectos de configuración segundo o tempo de conexión ou os permisos de acceso.
- Son programas informáticos que protexen contra “ameazas cibernéticas”, especialmente virus. Poden bloquear sitios web, establecer restricións de tempo, administrar redes sociais e monitorear conversacións ou obter un resumo da vida en liña do seu fillo. O único inconveniente é que a maioría destes programas requiren dunha cota mensual.
- Filtros nos navegadores. Os navegadores ofrecen moitas formas de filtrar os sitios web que non se desexa que visiten os nosos fillos. Hai moitas formas de facer isto, e cada navegador ten o seu propio modo, pero a normal é ir a “Configuración” e marcar o tipo de sitio web que desexa deshabilitar. Convén ter en conta que o que nos ofrece un navegador non se aplica nos demais, polo que se temos instalados varios navegadores é necesario revisalos todos.
- Ferramentas de Internet. Deseñadas para acceder a páxinas ou contidos aptos para nenos en casa. Ten un deseño e características adecuadas os máis pequenos e permiten diferentes perfís segundo a idade do usuario. Este caixón de opcións de navegación segura para menos tamén inclúe YouTube Kids, que é unha versión para nenos da popular rede de vídeos.
Para coñecer 10 dos mellores controis parentais gratuítos, pódese dirixir á seguinte ligazón https://saposyprincesas.elmundo.es/ocio-en-casa/apps-videojuegos/mejores-apps-gratuitas-control-parental/
Aplicacións máis frecuentes na mocidade
YouTube
É a maior plataforma de vídeos da rede, sendo accesible a todos os públicos. Entre os perigos de YouTube para nenos atópase o acceso a contido inapropiado para a súa idade, con vídeos de carácter ideolóxico, político ou relixioso; ademais de información que non debería estar a disposición de menores e nin sequera de adultos vulnerables a un uso ou malinterpretación destas instrucións.
Para máis información sobre como activar o control parental de YouTube, pódese consultar a seguinte ligazón https://securekids.es/control-infantil-youtube/
É una das plataformas preferidas tanto por adolescentes como por adultos; permite compartir fotos a través das cales se pode dar “gústame” e comentalas. Un dos principais problemas xorde no relacionado co control da idade dos usuarios, xa que, en principio, está destinada a persoas maiores de 14 anos. Por isto, a vixilancia como pais é fundamental xa que é difícil supervisar o acceso cando o propio usuario é o responsable de validar a súa idade. Instagram posúe os seus propios filtros para evitar contido de carácter pornográfico e/ou violento, polo que o maior perigo desta rede social son posibles contas falsas que favorezan o grooming ou o cyberbullyng.
Para máis detalles sobre seguridade, pódese visitar a seguinte ligazón http://www.control-parental.es/la-guia-definitiva-para-un-control-parental-en-instagram/
Snapchat
É unha das redes sociais que máis medrou nos últimos anos, moi especialmente entre o público novo. Permite enviar mensaxes en forma de vídeos curtos que soamente poden visualizarse unha vez pola persoa que os recibe; posteriormente son borrados do servidor. Esta aplicación é especialmente perigosa en adolescentes polos posibles contidos de carácter sexual que se poden intercambiar.
Para máis información de seguridade sobre esta aplicación, pódese consultar https://snap.com/es-ES/safety/safety-center#tips-for-staying-safe
TikTok
É a aplicación máis famosa á hora de crear vídeos curtos en dispositivos electrónicos.
Un aspecto chamativo é a cantidade de usuarios de entre 7 e 16 anos que usan esta aplicación, recordando que para poder crear un perfil nesta rede social débese ter, como mínimo, 13 anos. Tamén require a autorización parental para os menores de 18 anos, pero como se pode observar, son impedimentos sinxelos de evitar.
Os principais riscos que presenta esta aplicación son, en gran medida, os mesmos que as demais redes sociais, pero non por iso debemos deixar de prestarlles atención.
Para poder saber máis sobre o control parental de TikTok e como activalo, pódese seguir a seguinte ligazón https://eloutput.com/redes-sociales/tiktok/tiktok-controles-parentales-seguridad/
Consellos e recomendacións
Para poder facer un uso responsable da tecnoloxía, é importante que os nenos aprendan os hábitos de uso de internet. Por isto, evitaremos prohibir o uso da tecnoloxía, pero si que teremos que aprender a limitala.
Un dos maiores problemas de Internet é que se pode chegar a perder a noción do tempo, por isto, é moi importante delimitar os tempos límites e as normas claras do uso deste. Usar o ordenador ha ser un premio posterior ás obrigas, e non un requisito previo para realizalas.
Coñecer como funciona Internet e as redes sociais é moi importante, xa que dese modo asegúraste de que os teus fillos non entren en páxinas de contido malicioso. Infórmate sobre como protexer a túa privacidade nas redes sociais (fotos, comentarios, amigos…) e logo transmítellelo os teus fillos. En calquera caso, se temos fillos menores de idade e sabemos que teñen unha conta na rede social, o recomendable sería:
- Configurar esta conta a privada
- Usar coa opción de descarga de vídeos desactivada
- Opción de mensaxes directas SÓ entre amigos
Utilizar ferramentas de control parental. Sobre todo, á hora de bloquear diferentes sitios web que poidan ser inapropiados para os nosos fillos, mellorando a seguridade de internet.
Para terminar, non debemos esquecer que os pais somos o mellor control parental e que se trata non só de controlar senón tamén, e sobre todo, de guialos. Polo tanto, a comunicación xoga un papel clave para coñecer o que fan os nosos fillos.
Partindo desde o respecto á súa intimidade, é conveniente facerlles saber que, ante calquera problema, os pais sempre imos estar do seu lado, intentando axudar o máximo posible. Non esquezamos falar con eles sobre a importancia dos actos que poidan chegar a realizar en Internet, xa que moitas persoas se aproveitan do anonimato para realizar accións de acoso a outros menores, violación de privacidade, cyberbulling, sexting…
O feito de responsabilizar os menores sobre as súas accións na rede é moi importante, dese modo saberán que este tipo de accións non se poden realizar.