UN ENTROIDO ESPECIAL

No noso colexio hai unha gran tradición de Entroido. Todas e todos lembramos vir disfrazados, ilusionados e con moita gaña de troula para encher o día de risotadas e moi bo ambiente. O desfile que facemos sempre nas inmediacións do centro é digno de ver. Todo o mundo listo para para ver a unha rapazallada alegre e disposta a encher de cor a Avda. Castelao.

Mais este ano é distinto. Non haberá desfile e non haberá contacto co barrio, que era o que nos gustaba. A situación sanitaria exíxenos sermos moi cautelosos e todas as actividades serán no colexio e con grupos estables para evitar contactos. Poderíamos, con razón, dicir que é un fastidio, que non mola tanto, que xa non hai entroido no noso cole, mais se te paras a pensar un pouquiño, e como medida para ir en contra deste maldito virus, debemos afontar a festa con aínda máis ilusión. Haberá concurso de disfraces, haberá película documental para aprender máis sobre a nosa festa e a nosa etnografía… en definitiva, acougaremos un pouco para saber e entender máis sobre a nosa festa. Serán unha festas reflexivas para aproveitar aínda máis todo o bo que ten o Entroido galego. Ás veces, hai que dar un paso atrás para coller carreiriña e dar uns cantos pasos máis cara a adiante. Pois este ano toca preparar ese pulo. No futuro, grazas a esta experiencia, non só o pasaremos mellor, senón que o faremos máis conscientes do que significa e, polo tanto, gozarémolo máis.