A LEMBRANZA NON AVELLENTA
“Sempre estabamos felices e alegres”. É a lembranza que Marta (agora nai de familia, Directora dun colexio) ten da gardería. E engade: “con especial ilusión esperabamos a festa dos Reis Magos, a piscina, o cine, a soneca… Unha época moi feliz”.
Cousas parecidas dixeron outros antigos alumnos, na lembranza que tivo lugar o día 17 de novembro aquí no Colexio D. Bosco.
Pasaron moitos anos e as salesianas, que queremos ter os ollos abertos e a mirada ampla para facer posible o soño que levamos no corazón, sentiamos a necesidade de volver xuntar os, daquela nenos, de 2 a 6 anos, que pasaran por estas aulas da Gardería Infantil da Caixa de Aforros de Vigo que dirixiamos as Fillas de María Auxiliadora (Salesianas).
Habíaos tamén que viñan a outras actividades organizadas para maiores, que moitos lembran con especial cariño, como o Oratorio, clases de guitarra, informática, idiomas, o grupo de Montañeiras de santa María etc.
Remontámonos dos anos 1972 a 1991. Pasou moito tempo e non é fácil localizar á xente. Con todo, imos conseguindo contactos e isto irase estendendo.
Despois de este primeiro encontro do que tanto gozan os que participaron virán outros. Para os antigos alumnos de entón e para os máis recentes.
Lembrar, compartir, desfrutar tomando algo xuntos, é o que nos propuxemos e creo que se conseguiu. A proxección das fotos, o percorrido pola casa…todo ía espertando lembranzas e emocións que algúns expresaron así: “Aquí me puxeron unha banda por aprender a ler”, “ As miñas lembranzas favoritas: o día dos Reis magos, o día da piscina e o Club onde tan ben o pasabamos ¡mesmo puiden aprender a tocar a guitarra!”
Tamén as monitoras e traballadoras daquela comparten as súas lembranzas: “os mellores anos da miña vida”, “o traballo que comecei aquí marcou felizmente a miña vida”. E tamén un pai exprésase así: “Soamente dicir GRAZAS por estas lembranzas tan emocionantes”.
Seguiremos contactando e convocando. As antigas alumnas, os antigos alumnos son para nós o mellor.