Durante esta semana o noso centro tivo a oportunidade de acoller un dos símbolos máis representativos e importantes cara aos migrantes: “A Cruz de Lampedusa”.
Como xa sabedes, unha das primeiras cousas que fixo o Papa Francisco como Papa, foi achegarse á Illa de Lampedusa e celebrar Misa desde alí. Dita acción converteuse en todo un símbolo do seu compromiso e, de paso, do compromiso de toda a Igrexa Católica ante a inxustiza da inmigración. En outubro dese mesmo ano produciuse a coñecida “Traxedia de Lampedusa”: un barco cheo de inmigrantes afundiuse, levando con el a vida de máis de 360 persoas.
Cando o Papa decátase desta traxedia, clamou de novo ante o mundo: «Vergoña! Só vénme a palabra vergoña; é unha vergoña». O Papa Francisco encarga ao artista Franco Tuccio a construción dunha cruz (a coñecida como Cruz de Lampedusa) con restos de barcos naufragados na costa de Lampedusa. A Cruz é bendicida polo Papa no ano 2014, propoñendo que salga en peregrinación por todas as igrexas do mundo que a queiran acoller, co obxectivo de transmitir unha mensaxe de solidariedade.
Desde ese día, a Cruz foi viaxando de man en man, xerando encontros e solidariedade entre pobos de diversas culturas e relixións. A iniciativa é coñecida co nome de “Viaxe da Cruz de Lampedusa”, e busca transmitir unha mensaxe de solidariedade e paz entre as cidades, comunidades, parroquias e culturas. Deste xeito, tamén chegou ao noso centro, polo que nos sumamos á iniciativa, mostrando a nosa repulsa á inxustiza de que haxa persoas que teñan que arriscar a súa vida na procura dun futuro digno.
Durante esta semana a Cruz estivo ao dispor de todas as familias do centro que a quixesen ver e ser partícipes desta iniciativa. Os nosos alumnos coñeceron a súa historia, reflexionaron e mostraron o seu rexeitamento e preocupación fronte ás necesidades e penas que sofren os demais. O venres quixeron facer un emotivo xesto no que, en pequenos barcos de papel, deixaron aos pés da Cruz unha mensaxe para espertar conciencias e facer un mundo mellor, máis solidario e máis xusto.
Unha vez máis, os nosos alumnos e alumnas déronnos unha lección de humanidade coas súas mensaxes, mostrando o seu compromiso e ganas por cambiar as cousas, entre os que podemos atopar; “Sodes benvidos!”, “Todos somos iguais, todos somos persoas”, “Nós tivemos sorte, eles necesítana.”, “É lamentable que en pleno século XXI siga habendo xente pasando fame Comprometámonos a axudar a aqueles que máis o necesitan!”. Sen dúbida, son palabras cheas de sentimento e moi esperanzadoras para este mundo, no que aínda queda moito por facer.
Desde o centro desexámoslle unha boa viaxe e que sexa acollida nos seus próximos destinos coa mesma ilusión e agarimo coa que o fixemos nós.