Radio Bosco, un proxecto, coma todos, que empezou da incerteza. Dese afán por dar o mellor do noso proxecto educativo aos mozos. A idea daba voltas. Vimos formas. Fomos probando acerto/erro -sobre todo no aspecto técnico- e, aos poucos, baixo a maxistral dirección da nosa profesora Tere Bobillo, os contidos ían tomando forma. Con eles, a aceptación do alumnado que cada vez se foi involucrando máis e máis en RadioBosco de maneira que, cando nos demos conta, RadioBosco xa formaba parte do día a día do colexio. Desde Infantil á ESO; nos Bos días e titorías; cos contidos máis variados e interesantes e con naturalidade; foi saíndo a nosa vea social, pastoral, cultural e educativa para unha radio de todos, da familia das salesianas de Vigo. Xa era parte do fermosamente cotián.
Por moi consciente que sexas de que as cousas van ben, que o proxecto para toda unha comunidade educativa canaliza as inquietudes duns e outros, non é tan fácil sentilo ata que de súpeto pode transcender esa proxección de vitalidade e ilusión que supón unha realidade así cunha chamada. Démonos conta desa transcendencia cando este curso a representante de Escolas Católicas chamounos para informarnos de que RadioBosco saíu premiado como a mellor iniciativa de Galicia para o fomento e normalización da lingua galega. O orgullo foi enorme, a alegría desbordante e a sensación de que o noso proxecto consolídase ata un punto que non imaxinabamos en absoluto. Dalgunha maneira, e a modo de reflexión, ese recoñecemento vén visualizar e valorizar eses momentos de esforzo e xenerosidade colectiva de todas e todos que, desde moitos puntos de vista, nos une como grupo e márcanos o camiño para futuros soños que poderemos facer realidade. Somos especialistas niso como os nosos fundadores.
Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua galega das salesianas de Vigo