O acto de entrega da distinción celebrouse o mércores 23 de marzo no García Barbón
O Colexio Don Bosco leva 50 anos desenvolvendo o seu labor no barrio de Coia. Polas súas aulas xa foron pasando unha manchea de alumnas e alumnos que dalgunha maneira foron espallando e sementando os valores desta institución tan importante para a cidade.
Xa sexa nos primeiros tempos como escola infantil axudando ás familias obreiras a conciliar vida familiar e laboral, xa sexa dende o seu centro cultural ou paseniñamente desde as aulas de Primaria e a ESO, o caso é que o centro é unha referencia inescusable para o barrio e para a cidade.
Todo isto levou ao Pleno da Corporación Municipal a designar por unanimidade “Vigués Distinguido” ao colexio Don Bosco. A máis alta distinción de Vigo para unha institución íntimamente vencellada á nosa historia recente.
O acto de entrega desenvolveuse no García Barbón, lugar emblemático, e a irmá Pilar xunto a outras representates do Equipo Directivo e o profesorado foron os encargados de representar o colexio.
O meritorio dun premio así é que non se premia un feito concreto, senón que o recoñecemento a toda unha traxectoria. Este premio é de todas as irmás salesianas, profesorado, alumnado e comunidade educativo que foron construíndo uns alicerces sólidos para unha escola de calidade, cercana e democrática.
Só queda parabenizar por tan gran recoñecemento a todas e todos os que se ven nesta aventura de facer do barrio de Coia, da cidade de Vigo e de Galicia un lugar mellor con cidadáns honrados e formados.