DÍA DA FAMILIA 2022

GRAZAS…COLABORACIÓN…FESTA.

Seguen os 50 anos de Vigo, 24.04.22

 

Foron as palabras máis repetidas ao longo do día. Reencontrarse, compartir o gozo de sentirnos familia que canta e celebra “con mil xestos de amor… a ledicia de medrar xuntos”.

 

A xornada comezou coa Eucaristía,  presidida polo noso Bispo, D. Luís Quinteiro, quen adicou unhas palabras cheas de agarimo e entusiasmo pola nosa presenza aquí en Coia ao longo destes 50 anos, moi significativa para todo o barrio. Encantoulle ver a tanta xente reunida, nenos e pais, adolescentes e xoves, profesores e irmás, membros da Familia Salesiana, xuntos, “non para competir senón para sumar, para seguir sementando xestos que fan visible o carisma de Don Bosco e María Mazzarello hoxe aquí”.

 

Despois o noso Bispo tivo o detalle de achegarse á comunidade e, amablemente, accedeu a facerse unha foto con nós, e repetiu unha e outra vez que alegrábase moito de saber que as “salesianas non nos xubilamos, que seguimos sendo necesarias aquí, onde  estamos dende hai 50 anos”.

 

Mentres tanto no patio resoaba a música coa  exhibición das actividades artísticas que sempre chegan ao corazón das familias e son tan aplaudidas.

 

Pero o momento máis esperado é o que lles leva ás aulas, onde os seus fillos fan entrega do agasallo preparado con tanto agarimo, coa axuda dos seus Mestres. Un detalle que ten unha longa tradición e que sempre nos conmove.

 

E mentres tanto, ANPA e profes, xa disposto sobre as mesas todo o preciso para o “picoteo” que é pretexto necesario para seguir compartindo a ledicia de volver a estar xuntos. E dar grazas porque -como din os nenos- “foi unha festa divertida, alegre, grande por ver a tanta xente, por estar coa nosa familia e as familias dos nosos compañeiros, todo moi sorprendente…”.

 

E porque ademais se prolongou ao longo da tarde no encontro cos exalumnos que responderon á chamada do 50 aniversario.  Aquí tamén o mellor, o encontro cos seus mestres -¡que é de valorar!- o compartir entre eles cos seus antigos compañeiros, volver a lembrar, cantar, incluso pasar polas aulas…

 

E así, co corazón agradecido polos 50 anos da nosa historia de familia e por todo so sementado aquí, “dando o mellor, poñendo corazón” miramos cara adiante con moita ilusión, crendo con forza na nosa misión.

 

Corona Nieto, fma