O COLEXIO DON BOSCO SALESIANAS VIGO CELEBRA O SEU I CROSS SOLIDARIO CUNHA GRAN RESPOSTA DE TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA
O Colexio Don Bosco – Salesianas Vigo celebrou con grande éxito o seu I Cross Solidario, unha iniciativa que substitúe á tradicional Andaina e que supuxo un paso máis na vivencia do compromiso solidario do centro.
Lonxe de ser só unha actividade puntual, este evento foi o resultado de semanas de traballo, ilusión e colaboración conxunta entre profesorado, alumnado, familias e persoal do centro, contando ademais co apoio do Concello de Vigo e distintas entidades colaboradoras, reflectindo o forte sentido de pertenza que caracteriza á comunidade educativa salesiana.
A xornada, celebrada nos xardíns da avenida de Castelao, reuniu a case medio milleiro de participantes nun ambiente festivo, deportivo e profundamente humano. Nenos, nenas, mozos, mozas, familias, persoal do centro e docentes compartiron carreiras adaptadas por idades, así como unha proba especial para adultos, facendo visible que a solidariedade se vive en familia.
Máis aló dos números, o verdadeiro valor do Cross estivo nos pequenos grandes xestos vividos durante o día: compañeirismo, esforzo compartido e actitudes de axuda que emocionaron a todos, como a daquel alumno que renunciou a cruzar a meta en primeiro lugar para acompañar a un compañeiro.
As familias, parte esencial do colexio, tamén quixeron poñer voz ao vivido. Unha delas compartía:
“O esforzo, a dedicación e o traballo en equipo viuse reflectido no evento da carreira solidaria. O resultado foi a alegría, risos e entusiasmo dos participantes. Grazas á institución por permitirnos ser parte dese equipo.”
Este I Cross Solidario puxo de manifesto que, no Colexio Don Bosco, educar é moito máis que ensinar, é acompañar, crear comunidade e ofrecer oportunidades para crecer en valores como a solidariedade, o compromiso e a alegría, ao estilo de Don Bosco.
Unha xornada para lembrar… e, sen dúbida, o inicio dunha nova tradición.
Aquí tedes un resumo de todo o vivido ese día…
Na seguinte ligazón podedes ver a noticia do Faro de Vigo: